O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda; o secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés Verelst; e o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, presentaron o Plan de Sostibilidade turística para a cidade, que conta cun orzamento, cofinanciado polas 3 Administracións, que acada os 3 millóns de euros para o período 2020-2022.
A decisión da aprobación deste Plan, xunto ao da Ribeira Sacra foi trasladada polo Goberno central ao vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, durante a derradeira reunión, da Conferencia Sectorial de Turismo, por parte da ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto.
O Plan de Sostibilidade turística de Santiago de Compostela ten como finalidade principal promover accións de promoción co obxectivo posto na reactivación e dinamización do sector turístico, coa aposta polo Xacobeo e pola xestión dos fluxos turísticos que conflúen na capital de Galicia. Ademais de impulsar o modelo turístico da cidade de Santiago, dispoñendo dun sistema de intelixencia de turismo e sustentabilidade para planificar e analizar as dinámicas do turismo na cidade, medir os seus efectos e mellorar a súa xestión.