- No proxecto recóllese unha mellora integral da vía, cunha senda peonil de case 2 quilómetros
O Concello de Vimianzo coñeceu este sábado o primeiro borrador do plan de mellora da estrada que une os núcleos de Caxadas e Baíñas, financiado pola Deputación da Coruña. Na redacción do proxecto, adxudicada á empresa NOEGA, recóllese unha mellora integral da vía nos máis de 4,5 quilómetros cos que conta, e onde se construirá unha senda peonil de case 2 quilómetros.
Esta actuación, que conlevará un importante investimento, estuda tamén a posibilidade de ampliar ou substituír a ponte existente entorno ao punto quilométrico 1+580, co obxecto de deixar ao longo da maior parte do vial unha plataforma de 7 metros de calzada para a circulación de vehículos.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, expresou o seu desexo de que “este proxecto se poida aprobar e licitar na maior brevidade posible”.