A oferta desta nova edición distínguese entre o programa de Semana Santa e de fin de semana en albergues xuvenís, os encontros formativos e de networking nos campus universitarios, e as Feiras Primavera Xove nos 12 espazos xoves dependentes da Xunta.
Ofértanse un total de 600 prazas en distintas instalacións, como o albergue xuvenil de Gandarío (Bergondo), o albergue xuvenil As Sinas (Vilanova de Arousa), o albergue Marina Española (Sada), o albergue xuvenil Area (Viveiro), o campamento xuvenil de Pontemaril (Forcarei) o albergue xuvenil Lug 2 (Lugo), a Residencia de Tempo Libre do Carballiño ou a estación de montaña de Manzaneda (A Pobra de Trives). As persoas ás que se lles adxudique unha praza deberán aboar un prezo de 25 euros para as actividades de fin de semana e de 150 euros para as de Semana Santa.
As feiras nos 12 espazos xoves da Xunta permitirán atraer charlas de persoas inspiradoras para a xuventude como Lucas Requejo, da asociación Prato_do; Luis Veira, do restaurante coruñés Árbore da Veira; ou Fon Barreiro, creador de banda deseñada. Tamén se realizarán obradoiros sobre distintas disciplinas como graffiti, tenis de mesa, fotografía, cociña ou Tik-Tok.
Actividades nos campus universitarios
Así mesmo, cada xornada nos campus universitarios, dirixidas á mocidade de 18 a 30 anos, estará enfocada nun ámbito concreto e os relatores serán profesionais galegos de relevancia en cada un dos eidos. Concretamente, ofertaranse 5 tipos de actividades diferentes, que percorrerán os campus da Coruña, Santiago, Vigo e Ourense ao longo de 5 mércores dos meses de abril e maio. As temáticas das accións serán as seguintes: Innovación e innovadores no mundo dixital, Medioambiente e sostibilidade, Educación emocional, Talento mozo e Cultura e creatividade. Nos vindeiros días abriranse as inscricións. O acto de presentación correu a cargo da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel.