Presentado o programa ‘XacobeAndo’ | Promoción das rutas do Camiño de Santiago


A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, presentou este sábado o programa ‘XacobeAndo’, que desde este mes de xullo ata o vindeiro outubro achegará a Galicia a 80 voluntarios de diferentes países de Europa e con idades entre os 18 e os 30, que colaborarán en accións de conservación e difusión das rutas de peregrinación a Santiago. Este sábado entrou o primeiro grupo destes voluntarios, arredor de 40 mozos procedentes de distintas zonas de España e doutros países como Lituania, Estonia, Portugal, Eslovaquia, Grecia, Italia ou Letonia.

Durante a súa estadía, estes voluntarios realizarán actividades en tres ámbitos: Camiño inclusivo; Camiño sostible e Camiño dixital. Deste xeito, axudados por titores e profesionais, colaborarán en aspectos como a concienciación ambiental e a posta en valor do patrimonio cultural e natural; a creación de recursos dixitais sobre a experiencia no Camiño; e o acompañamento e integración de grupos de persoas con necesidades especiais.

Os participantes desta iniciativa estarán emprazados en diferentes puntos polos que pasa o Camiño, como por exemplo: Palas de Rei, Xinzo de Limia, Lalín, Tui, Ribeira, Valga, Pontevedra ou Santiago. As rutas nas que centrarán os seus esforzos serán o Camiño Francés, a Vía da Prata, o Camiño Portugués e a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.