Presentado o protocolo de prevención fronte á covid no autobús compartido

1 minutes read

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, avanza que a Xunta lle vén de trasladar ás empresas e aos sindicatos o protocolo de prevención fronte á covid no autobús compartido para blindar a seguridade dos usuarios ante o inicio do curso.

Vázquez Mourelle subliñou que a Xunta continúa traballando no incremento dos servizos de autobús a través do Plan de Transporte Público, prestando especial atención, nos últimos meses, ás medidas para evitar contaxios.

Indicou que para reforzar aínda máis a seguridade no transporte compartido se redactou este protocolo, avalado polo Instituto de seguridade e saúde laboral de Galicia, que será abordado esta semana nunha reunión coa patronal.

Fixo fincapé en que estas normas permitirán que o transporte compartido sexa o máis seguro de todos os medios, con medidas máis exixentes das que rexen no autobús urbano, no tren ou no avión.

O protocolo inclúe medidas de prevención que xa se aplican no transporte público, como o uso de máscara e de xel hidroalcohólico, separación dos usuarios nas paradas, ventilación frecuente ou desinfección dos autobuses.

Ademais o documento incorpora medidas específicas para o autobús compartido como a separación dos asentos dos escolares dos que empreguen o resto de usuarios, reservando as prazas dianteiras para as persoas maiores, por ser as que teñen unha maior ventilación.

Tamén se introducen normas para o acceso e baixada dos autobuses, sempre pola porta dianteira. Os escolares ocuparán as prazas de atrás cara adiante e na medida do posible, sempre o mesmo asento e no caso de alumnos que conviven, sentarán xuntos.