Presentado o proxecto ‘Camariñas Explora’, con 20 rutas sinalizadas para gozar do turismo deportivo

Presentación 'Camariñas Explora'_Cedida

  • Estas rutas, incorporadas á aplicación Wikiloc, suman uns 220 quilómetros e están dirixidas a diferentes tipos de usuarios, niveis e modalidades

A aula Raquel Moreira do Museo do Encaixe de Camariñas foi o lugar elixido polo Concello para presentar o proxecto ‘Camariñas explora’, unha iniciativa de dinamización turística vinculada ao deporte a través da que se propoñen 20 rutas sinalizadas co obxectivo de dar a coñecer boa parte do territorio e situarse como destino seguro. Ao acto, celebrado este venres, acudiron a alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua; o concelleiro de Deportes, Fabián Canosa; a directora de Agader, Inés Santé; a presidenta do CMAT, Mónica Rodríguez; e a presidenta da Asociación de Empresarios de Camariñas, Olga Campos.

Ínsua destacou que na actualidade o turismo deportivo está «a gañar cada vez máis adeptos», crendo firmemente que «en Camariñas temos todos os ingredientes necesarios para crear unha experiencia turística e deportiva completa».

Pola súa parte, Inés Santé afirmou que «o medio rural é a pedra angular desta iniciativa», e aproveitou o acto para mostrar o respaldo económico de Agader ao proxecto ‘Explora 10’ no que está a traballar o Concello de Camariñas para a potenciación das diferentes actividades físico-deportivas ao aire libre na Costa da Morte. A esta iniciativa tamén se incorporarán os municipios de Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas.

Camariñas Explora
Os técnicos deportivos municipais deseñaron varios percorridos novos e incorporaron algúns sendeiros existentes, chegando finalmente ás 20 rutas que suman en total 220 quilómetros e que están dirixidas a diferentes tipos de usuarios e afeccionados de modalidades como o sendeirismo, o running ou o ciclismo.

Todas as rutas poderán seguirse no móbil a través da aplicación Wikiloc con recomendacións para desfrutar de cada actividade.