Presentado o proxecto “Constrúate: formación en alternancia co emprego”

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asistiu á presentación do proxecto Constrúate.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou á Fundación Laboral da Construción onde presentou o proxecto Constrúate. Nesta iniciativa a Xunta, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, proporciona un servizo de orientación, sumado a aposta do Goberno autonómico pola formación no emprego de calidade.

O proxecto Constrúate ofrece formación gratuíta para impulsar a incorporación de mozas e mozos á industria da construción en Galicia mediante contratos de formación e aprendizaxe onde trinta traballadoras e traballadores obterán cualificación dentro dunha das 20 empresas participantes no programa, nunha primeira fase, e terán formación no taller da Fundación na segunda.

Lorenzana puxo o foco, tamén, na relevancia dun sector como o da construción para a economía galega e apelou a camiñar cara un sector da construción “máis profesional, máis produtivo e máis igualitario” onde reivindicou o papel das mulleres e incidiu en que grazas ao esforzo de todos “a fenda entre homes e mulleres que traballan no sector foise reducindo, formándose cada vez máis mulleres”.