O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado do alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, presentou este xoves o proxecto de cambio de cuberta do Centro Público Integrado Plurilingüe O Cruce, de Cerceda. Fíxoo nunha visita ao centro na que anunciou a adxudicación da obra á empresa Construcciones Iglesias Mera por un importe de case 500.000€. A previsión é iniciar a obra, que ten un prazo de execución de cinco meses, a primeira quincena de abril.
O obxectivo da intervención é mudar a parte das cubertas que aínda non foron renovadas, un total de 2.135 m². Ao igual ca nas xa substituídas, empregarase un panel sándwich de 30 mm de espesor colocado sobre una subestrutura metálica de pórticos e correas apoiados sobre forxado existente, con illamento baixocuberta de poliestireno.
“Cómpre lembrar que o ano pasado xa cambiamos parte da cuberta deste centro, case 500 m², por mor dos danos ocasionados polos temporais, incluíndo tamén reparacións dentro do centro”, explico o conselleiro. Polo tanto, entre as dúas fases estamos a falar dun investimento total de arredor de 765.000€ e máis de 2.700 m² de cuberta”, detallou.
Esta segunda fase da obra inclúe tamén a modificación dalgunha das cubertas pasando de ser de un auga a dúas augas, respectando en calquera caso a pendente existente, e a colocación de canlóns e baixantes novas.
A actuación enmárcase nas primeiras 16 obras programadas pola Consellería en centros de ensino para este ano, cun investimento total de máis de 16 M€. No conxunto do ano, o investimento da Xunta en obras en centros educativos ascenderá a un total de 73,6 M€, un 4% máis.
Investimento na Costa da Morte
Román Rodríguez destacou que o Goberno galego está a investir 8 M€ en melloras dos centros da Costa da Morte no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica. “De feito, temos en licitación a rehabilitación integral do Colexio O Areal, en Camariñas, por máis de 1,1 M, e comprometida a obra de cambio de cuberta do Instituto Eduardo Pondal de Ponteceso, cun orzamento de case 400.000 €”, sinalou.
Entre as actuacións de maior envergadura na Costa da Morte xa rematadas destacan a rehabilitación integral e reforma do salón de actos do Instituto Alfredo Brañas (Carballo, 2 M€) e a ampliación do CEIP Mar de Fóra (Fisterra, 913.000 €). Tamén se realizaron melloras no Centro Público Integrado As Revoltas (Cabana de Bergantiños, 660.000€), no CEIP Plurilingüe Eugenio López (Cee, 518.000€) e no CPI Plurilingüe Cabo da Area (Laxe, 420.000€), entre outras.