No acto, que se celebrou na Praza do Concello, participaron o alcalde, Evencio Ferrero, que agradeceu ao persoal de Aspaber o seu traballo e dedicación, e outros membros do goberno municipal, así como representantes da empresa e as 25 persoas que integran o equipo humano do servizo de limpeza viaria. Xunto ás persoas, que constitúen a parte fundamental do servizo, tamén presentamos os medios materiais dos que disporán para prestalo nas mellores condicións:
- Vehículos eléctricos: dous triciclos con pedal asistido, ideais para tarefas de proximidade, e dúas hidrolimpadoras, unha delas deseñada para a recollida de pólas, herba ou excrementos, e outra para lavado con auga quente e fría.
- Maquinaria avanzada: dúas varredoras e unha moderna decapadora que utiliza auga quente a presión para un lavado máis efectivo dos pavimentos.
- Ferramentas a batería, que reducen a contaminación atmosférica e acústica.
O servizo conta cun sistema de xeolocalización da maquinaria, o que permite un uso máis eficiente e un control preciso das operacións. Ademais, este sistema incorpora apoios personalizados para as persoas con maiores necesidades, promovendo a inclusión dentro do equipo.
A presentación do servizo de limpeza viaria tamén permitiu dar a coñecer a nova marca dos servizos municipais: Ser Carballo, que non é só a abreviatura de Servizos Carballo, senón tamén un xeito de ser, contribuíndo a que os servizos públicos no concello sexan un sinónimo de calidade de vida e benestar social.