Presentado o resultado do proxecto de reforma integral do ximnasio municipal de Vimianzo

Cedida.

O Concello de Vimianzo presentou o resultado do proxecto de reforma integral nunha das instalacións con máis demanda de todas as de competencia municipal: o ximnasio. Abrirá as súas portas o vindeiro día 10 de outubro.

A idea é poder contar cunha infraestrutura completamente renovada e “adaptada á nova realidade”, sinala o concelleiro de Deportes, Mario Andújar. Así, plantexáronse as intervencións tanto no primeiro andar para a adecuación do espazo ás necesidades das persoas usuarias, e para elo realizouse unha redistribución, deixando toda a planta diáfana para o uso como ximnasio, cun pequeno aseo adaptado.

No novo deseño están previstas cinco zonas claramente definidas: unha de cardio, con vistas ao exterior por medio dunha gran zona acristalada; un corredor de arrastre, en herba artificial; a zona de musculación; unha zona de peso morto e unha zona destinada a estiramentos, ámbalas dúas rematadas con losetas de caucho. Redimensionáronse os espazos de luz para dotar de maior iluminación a todo o primeiro andar, e adaptarase a instalación de fontanería e saneamento para dar servizo ao novo aseo adaptado.

Estado das instalacións interiores.

Limpáronse e pintáronse todas as fachadas do edificio con pintura de acabado mate despois de abrir en ambas fachadas ventanais, e o goberno local anuncia que se seguirá investindo en melloras na contorna deste espazo deportivo.

O inicio da actividade será o luns 10 de outubro, e desde ese día ata o 1 de novembro, abrirase un período de ‘portas abertas’ sen custo para as persoas que desexen facer emprego das instalacións, no que se recollerán as súas propostas e no que as persoas interesadas se poderán inscribir ou confirmar a súa continuidade. Será a partir do 1 de novembro cando de comezo a sesión oficial.

A apertura do ximnasio realizarase nos seguintes horarios: de luns a venres, de 10:30 a 22:30 horas, excepto os venres, que pechará ás 23:30 horas.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, recalcou a “calidade das instalacións, que permitirán á nosa veciñanza acceder a multitude de actividades, máquinas e sempre asesorados e asesoradas por profesionais”, insiste, sinalando que “o obxectivo desta reforma é fomentar un estilo de vida saudable para as persoas que as empreguen e que o acceso sexa para todas e todos” e “agradece a todas as persoas que fixeron posible poder volver a desfrutar deste espazo”.