Presentado o Vimiverán 2021, con aventuras por varias parroquias

2 minutes read
  • O programa está dirixido a nenos de entre 3 e 12 anos. As inscricións poderán formalizarse do 9 ao 22 de xuño na Casa da Cultura

O Concello de Vimianzo presentou este venres o Vimiverán 2021, unha programación dirixida a nenos de entre 3 e 12 anos que se celebrará durante o verán. A novidade deste ano é a Vimiaventura nas parroquias, un conxunto de actividades que se levarán a cabo sempre que haxa un mínimo de dez nenos inscritos. O Vimiverán estará operativo desde o 28 de xuño ata o 27 de agosto.

Este ano, por primeira vez, tamén haberá actividades temáticas nas que, por unha banda, se lle dará a coñecer á rapazada o Concello en xeral, tanto os edificios municipais como os pormenores do funcionamento da Administración local. Por outra parte, tamén se realizarán actividades formativas a través do Vimiteatro, Vimichef e Vimiverde, nas que a cultura, a gastronomía e a conciencia medio ambiental serán as temáticas principais.

O obxectivo prioritario do Vimiverán 2021 é facilitarlle a conciliación ás familias do concello, e para iso preséntanse distintas quendas. A primeira, do 28 de xuño ao 16 de xullo, está pensada para rapaces nacidos entre o 2009 e o 2018. Nesta opción inclúese o Vimiteatro ademais dunha tarde-noite meiga no Castelo de Vimianzo. Os participantes deste primeiro turno tamén poderán desfrutar da Vimiaventura no pavillón municipal.

Na segunda quenda, do 19 de xullo ao 6 de agosto, haberá Vimichef na aula de cociña da Escola de Reboredo para os nacidos entre o 2009 e o 2014, e Vimiverde no pavillón municipal para os que naceron entre o 2009 e o 2018.

O último turno irá desde o 10 de agosto ata o 27 do mesmo mes. De novo, contarase coas actividades Vimichef, para os nados entre o 2009 e o 2014, e Vimifesta, para aqueles que chegaron ao mundo entre o 2009 e o 2018. Esta última celebración será no pavillón municipal.

Todas as actividades realizaranse de luns a venres, de 10 a 14 horas. O prezo de cada unha é de 50 euros, con 5 euros de desconto por familia numerosa. Terán prioridade os rapaces empadroados no municipio. As inscricións poderán formalizarse do 9 ao 22 de xuño na Casa da Cultura.