Presentado o Vimiverán 2022 co deporte, o teatro e a gastronomía como protagonistas

  • As preinscricións poderán ser telemáticas ou na Casa da Cultura do 1 ao 17 de xuño
  • Tamén haberá varias actividades polas parroquias

O Concello de Vimianzo deu a coñecer este venres a programación do Vimiverán 2022 co deporte, o teatro e a gastronomía como piares básicos. As preinscricións poderán efectuarse de xeito telemático ou na Casa da Cultura do 1 ao 17 de xuño. Terá preferencia a rapazada empadroada na localidade e o sorteo de prazas será o 21 de xuño. A formalización da matrícula e o pago das taxas será entre o 22 e o 25 de xuño, sendo o prezo por quenda ou actividade de 50 euros, con desconto de 5 euros por familia numerosa.

Con este programa perséguese favorecer a conciliación familiar no ámbito municipal, xerando ao mesmo tempo actividades para o desenvolvemento educativo, psicomotor, cognitivo, afectivo e social dos nenos e nenas.

O Vimiverán levarase a cabo de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas, e tamén se ofrecerá o servizo de madrugadores ás 8.00 horas por se fora necesario.

  • Primeira quenda: do 27 de xuño ao 15 de xullo

Vimiteatro. 65 prazas. Realizaranse dinámicas teatrais arredor do Asalto ao Castelo ca finalidade de que coñezan a súa historia e festa. Destinado a nenas e nenos nados entre o 2010 e o 2019, terá lugar nas instalacións municipais de Vimianzo.

Vimideporte. Outras 65 prazas. De novo, levaranse a cabo actividades lúdico-deportivas ambientadas no Asalto ao Castelo. Dirixidas aos mesmos participantes, tamén terán lugar nas instalacións municipais.

  • Segunda quenda: do 18 de xullo ao 5 de agosto

Vimichef. Pensado para 20 usuarios, levaranse a cabo accións para adquirir coñecementos sobre técnicas culinarias básicas ademais da participación no concurso Vimichef. Esta opción está pensada para nenas e nenos nacidos entre o 2010 e o 2016. Desenvolverase na aula de cociña da Escola de Reboredo, en Salto.

Vimideporte. Poderán participar un total de 90 rapazas e rapaces. As actividades centraranse no coidado do medio ambiente e a reciclaxe a través do deporte. Para a rapazada nada entre o 2010 e o 2019. Terá lugar nas instalacións municipais de Vimianzo.

  • Terceira quenda: do 9 ao 26 de agosto

Vimichef. Nova oportunidade para unha vintena de nenos nados entre os anos 2010 e 2016. Desenvolverase, como na quenda anterior, na aula de cociña de Reboredo.

Vimideporte. Nesta ocasión ofertaranse 70 prazas para aqueles nenos nados entre o 2010 e 2019. Por primeira vez realizarase algunha actividade en inglés, polo menos unha hora diaria, para aprender a lingua a través dos xogos.

  • Cuarta quenda: do 29 de agosto ao 2 de setembro

A través dun taboleiro de xogos cos recursos de Vimianzo, a rapazada coñecerá o municipio como unha ferramenta educadora. Reservaranse 100 prazas para aqueles nados entre 2010 e 2019. O horario será de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.

Vimiverán nas parroquias

Tamén se desenvolverán varios programas en tres quendas: do 27 de xuño ao 15 de xullo, do 18 de xullo ao 5 de agosto e do 9 ao 26 de agosto. As actividades están pensadas para nenas e nenos nacidos entre o 2010 e o 2019 e levaranse a cabo en horario de mañá. Deberán cubrirse un mínimo de 15 prazas.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, destacou «o completo da programación» con dúas grandes intencións: a conciliación e a posta en marcha do servizo de madrugadores, considerado como «prioritario» desde o Concello.

Por outra banda, a rexedora fixo fincapé no esforzo e traballo realizado por parte dos departamentos de Deportes, Cultura e Benestar Social, que lograron un Vimiverán «moi especial» ao dedicar a primeira quenda «aos nosos irmandiños» aproveitando que o Asalto ao Castelo celebra este ano o seu 25º aniversario.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha