O Concello de Vimianzo presentou, este xoves, o programa ‘Vimianzo M.O.L.A’, un proxecto cultural innovador que, baixo o lema ‘Un castelo de lenda’, converterá a vila no epicentro cultural da Costa da Morte do 27 de agosto ao 11 de setembro.
Durante a presentación, a alcaldesa, Mónica Rodríguez, destacou que se trata dun proxecto “do que podemos estar profundamente orgullosos, xa que une distintas disciplinas artísticas cun obxectivo claro: chegar a todas as persoas, sen importar a súa idade, e facer da cultura un nexo de unión”.
A rexedora subliñou o papel fundamental das administracións colaboradoras: “este proxecto non sería posible sen o apoio da Deputación da Coruña, que permite que o Castelo sexa sede desta iniciativa e que fai unha achega importante, e o Ministerio de Cultura, sen a súa axuda para a Promoción da lectura e as letras isto non sería posible”.
Rodríguez asegurou que “a cultura ensínanos a mirar o mundo doutro xeito, a escoitar, comprender, soñar… é o mellor investimento que unha sociedade pode facer” e convidou “a todos e todas a vivir estas xornadas, a participar, a deixarvos sorprender e a apostar pola cultura como a mellor maneira de entender a vida”.
O deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé L. Penas, puxo en valor que estas serán “dúas semanas de intensa actividade cultural, onde ides falar de murais, oralidade, literatura e artes en xeral, sempre dende o punto de vista da promoción do que é noso”. E destacou que foi na “Costa da Morte onde comezaron as pinturas murais, en lugares como Dombate ou Pedra Cuberta, onde os nosos artistas, os nosos antepasados, fixeron o que agora chamamos arte urbana” e hoxe seguimos “enchendo este país de cultura e de patrimonio”.
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, salientou que “desde o Goberno de España temos a firme convicción de que a cultura non é un luxo, senón un dereito que fortalece a democracia, crea comunidade e impulsa o desenvolvemento local” e, completou, “por iso investimos neste programa, que pon en valor o noso patrimonio, a nosa lingua e a creatividade que latexa en cada recuncho de Galicia”.
A programación ao completo
As actividades desenvolveranse entre o 27 de agosto e o 11 de setembro, con propostas para todos os públicos e unha combinación de creación artística, música, literatura e teatro.
O arranque será o mércores 27 de agosto cun gran mural XXL sobre Manuel Rivas a cargo de Primo Rodríguez, acompañado dun mural colaborativo antipolución inspirado en Castelao, dirixido por Rakele Cavallo, que incluirá talleres e sesións de retoque ao longo do día.
O xoves, día 28, celebrarase o Mural Fest, con outra obra colaborativa sobre Evaristo Martelo, realizada por Doc Toy, con participación cidadá en talleres e retoques.
O venres, día 29, a música tomará o protagonismo co concerto de Tiam Gz.+Turntablism ás 21:00 horas.
O sábado, día 30, chegará o ‘Urban Fest’, unha xornada urbana de 12:00 a 20:00 horas con talleres de tatuaxe, skate, rap, breakdance, pintura e parkour.
Xa en setembro, o mércores día 3, Doc Toy realizará un novo mural XXL no Campo da Feira da Piroga, en Bamiro. O día 4, ás 20:00 horas, será a actuación de Paco Nogueiras na praza do Concello.
O venres 5 de setembro continuará a programación coa primeira Feira do Libro da comarca, que contará con múltiples actividades literarias: talleres para público infantil, encontros e presentacións con autores como Manuel Rial, Manuel Gago, Patricia Blanco, Vero Rilo, o colectivo Vella Escola, Alberto Mancebo e Avelino González.
O sábado 6 continuará a feira de librarías cunha intensa programación literaria con Diego Garrote, Fran Zabaleta, Eduard Rolland, MagoTeto, Ledicia Costas, Pedro Feijoo e Pablo Rivero, ademais dun club de lectura.
O domingo 7 incluirá teatro histórico no castelo, máis actividades literarias, presentacións de libros e encontros con autores como Rebeca Stone, María Canosa, Amets Arzalluz, Guadalupe Vázquez Formoso e Manuel Rivas, quen participará tamén no club de lectura adulto que pechará a programación. A xornada rematará coa finalización do mural XXL e a colocación dunha placa conmemorativa.
Finalmente, o xoves 11 de setembro, ás 11:00 horas, representarase a obra ‘Castelao’, de Culturactiva Producións, pechando así dúas semanas de intensa actividade cultural.
Inscricións
As persoas que desexen participar nos murais colaborativos e nas actividades de cultura urbana deberán inscribirse de maneira previa a través da ligazón habilitada (https://docs.google.com/forms/d/1spPXrVnodN3On9eOKI8oElRzqqoiXCq6bJ1dES52DRs/viewform?edit_requested=true).
Do mesmo xeito, as persoas que queiran participar nos diferentes clubes de lectura que se van facer, tanto infantís como para público adulto, teranse que inscribir de maneira previa: https://docs.google.com/forms/d/1-LCFuAbzTBO8pisJUpOI6agGA3tSkrNk803NbElOe80/viewform?edit_requested=true