A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidiu o pleno do Consello Galego de Pesca no que se presentaron os dous informes que a Xunta encargara sobre o impacto do acordo de comercio e cooperación do brexit. Ambos documentos, lembrou a conselleira, guiarán a estratexia de Galicia para facer fronte aos efectos do acordo que a comunidade galega considera moi negativo para o eido marítimo-pesqueiro.
Un dos informes é sobre as implicacións xurídicas do acordo e foi encargado ao Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga da Universidade da Coruña e presentado polo director do centro, José Manuel Sobrino. O outro é de carácter técnico-administrativo sobre a incidencia que terá na actividade extractiva e na comercialización dos produtos pesqueiros, foi realizado pola Fundación MarInnLeg e presentado pola xerente desta entidade, Annina Bürgin.
Por unha banda, o informe do Instituto Salvador de Madariaga considera que o pacto de comercio e cooperación entre a Unión Europea e o Reino Unido, que se está aplicando provisionalmente, pode ser obxecto de control xudicial polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Nesta liña esboza dous escenarios, un de control previo á ratificación e outro a posteriori.
En canto ao control previo á ratificación, o informe destaca a posibilidade de solicitar por parte do Parlamento Europeo ou de España como Estado membro un ditame consultivo ao TXUE sobre a compatibilidade do acordo co dereito europeo. De adoptarse esta opción debería realizarse con urxencia, dado o próximo debate da ratificación do acordo no Parlamento Europeo.