O Consorcio Provincial para a Prestación do Servizo Contraincendios e de Salvamento da Coruña, integrado e participado ao 50% pola Xunta e a Deputación coruñesa, adquiriu dous vehículos autoescada cun investimento de 330.000 euros. O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e o xerente do Consorcio José Luis Barca Añón participaron no acto de recepción do material, realizado no parque de bombeiros de Carballo, sede do consorcio provincial.
O novo equipamento vai destinado ao parque con sede en Arzúa, que tamén atende aos concellos de Boimorto, Melide, O Pino, Santiso, Sobrado, Toques, Touro e Vilasantar; e ao parque con sede no concello das Pontes de García Rodríguez, que tamén se ocupa dos municipios de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume, San Sadurniño e As Somozas.
Os novos vehículos serven principalmente para labores de salvamento e rescate, así como de plataforma de traballo para alturas de ata 32 metros. Entre outras características técnicas, o equipo está montado sobre unha torre que permite xiros de 360 grados e conta con accionamento hidráulico. Na parte final dos tramos dispón dunha cesta desmontable para facilitar as tarefas dos profesionais. Esta plataforma pode soportar uns 270 quilos e albergar a tres persoas, ademais de dispoñer de armarios para material e equipo auxiliar e dun soporte específico para despregar unha padiola.