A partir da vindeira semana, en concreto do 3 de maio, os clientes das tendas poderán descargar os bonos desconto de 30 euros a través dunha aplicación móbil. O importe de cada bono irase consumindo en función do valor da compra: as compras iguais ou superiores a 30 euros terán un desconto de 5€, mentres que ás compras iguais ou superiores a 50 euros lles corresponde un desconto de 10€.
Os Bonos Activa Comercio forman parte do paquete de medidas específicas para o sector que a Xunta de Galicia está a poñer en marcha para acompañar o comercio de proximidade na súa reactivación, e que contará con polo menos 20 millóns de euros en axudas para reforzar a competitividade do sector a través de iniciativas que permitan a súa modernización e incentiven o consumo.