Presentados os asuntos do pleno deste luns en Carballo

  • Os festivos locais do ano 2020 serán o 25 de febreiro, Martes de Entroido, e o 25 de xuño, segundo día grande do San Xoán.

Esta é a proposta que se presentará no pleno ordinario do vindeiro luns, que, aínda que se celebrará xa en setembro, en realidade correspóndese coa sesión que debería celebrarse en agosto e que, como vén sendo habitual dende hai moitos anos, trasládase ao primeiro luns hábil de setembro para non interferir no período vacacional por excelencia.

Entre os asuntos que dictaminaron os membros da comisión, e dos que deron conta este venres o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira Milagros Lantes, figura o recoñecemento de compatibilidade solicitada por un traballador temporal para desenvolver unha segunda actividade no sector privado e, por segunda vez, a adhesión do Concello de Carballo a convenios entre a FEMP e a AEAT en materia recadatoria. Este novo acordo obedece a que, como explicou o alcalde, publicouse no BOE unha modificación do texto anterior que obriga volver a solicitar o apoio do pleno.

Na sesión do luns presentaranse, ademais, dúas propostas para a concesión de bonificacións do ICIO a outras tantas empresas que se instalarán no polígono de Bértoa: Sector Vending SLU, que se beneficiará dunha rebaixa do 95%, e Maqresol Bergantiños SL, que terá un desconto do 80%, xa que a porcentaxe varía en función do investimento, que no primeiro caso achégase aos 400.000 euros e no segundo supera lixeiramente os 100.000.

Unha moción do PSOE para a creación dun consello sectorial da mocidade completa os asuntos de debate. Ademais darase conta do informe de morosidade do segundo trimestre, no que se fixeron pagos por máis de 2 millóns de euros nun prazo medio de 10,08 días; da execución do orzamento, das resolucións da Alcaldía e dos acordos da Xunta de Goberno Local. Os rogos e preguntas pecharán a sesión, convocada para as 20.30 horas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha