Este sábado tivo lugar no restaurante Aldeola de Malpica a presentación dos candidatos de VOX ás Alcaldías de Carballo, Malpica e Coristanco, Manuel Gómez Eiroa, Javier Ferreiro e José Manuel González, respectivamente, nun acto público presidido polo deputado nacional de VOX, Pablo Calvo, enmarcado na campaña ‘Cuida lo Tuyo’,
No acto, o candidato á Alcaldía de Carballo, Manuel Gómez Eiroa, destacou a importancia de que a comarca forme parte dos roteiros oficiais do Camiño de Santiago, cuxos itinerarios están documentados a través da chamada ‘Vía Céltica; para poñer en valor o patrimonio histórico da comarca bergantiñá, e potenciar o turismo e a economía local.
Con respecto ao municipio de Carballo, Gómez Eiroa cre na necesidade de incrementar a seguridade nos barrios e acometer cambios na circulación rodada cun plan de trafico efectivo que evite os continuos atascos diarios que fan de Carballo un municipio intransitable.
Pola súa banda, o candidato á Alcaldía de Malpica, Javier Ferreiro, referiuse á urxencia de acometer un cambio en Malpica, “un cambio pola pesca, un cambio pola agricultura e gandería, un cambio pola industria; un cambio, en definitiva, que se preocupe polas necesidades reais da xente”.
Doutra banda, o candidato á Alcaldía de Coristanco, José Manuel González, fixo fincapé na necesidade conseguir para os veciños unha baixada de impostos e fiscalizar o diñeiro que pagan os veciños. “É hora de saber onde vai todo ese diñeiro que pagamos do noso peto”, asegurou.