- Os clubs xa poden comezar a facer os seus pedidos a través da tenda online na páxina web da Federación Galega de Balonmán.
Despois de semanas de traballo con especialistas, para buscar a máscara técnica que mellor se adapte á práctica deportiva, a Federación Galega de Balonmán presentou a súa máscara oficial, realizada xunto á empresa galega Amura Sport. A presentación desta máscara de competición, contou coa presenza do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López Molina; e a responsable de Amura Sport, María Regojo, ademais do xefe do Servizo de Deportes de Pontevedra, Daniel Benavides, e o vicepresidente da FGBm, Fernando Mosquera. Foi un traballo contra o reloxo, no que a Federación contou cun gran aliado, a empresa galega Amura Sport que asumiu o reto coa máxima profesionalidade e a mesma ilusión que o balonmán galego.
“Estamos moi contentos co resultado, despois de moito traballo por ambas partes, acadouse un modelo ergonómico, cun alto grao de filtración bacteriana, lixeiro e cun sistema de suxeición adaptado ás necesidades do balonmán. Ademais está a provocar boas sensacións na práctica deportiva. de todos os xeitos, trátase da versión 1.0 e tanto Amura coma a FGBm xa teñen grandes avances para a 2.0; a profesionalidade e a capacidade para resolver todas as cuestións que plantexamos por parte de Amura Sport foi clave para acadar un resultado satisfactorio”, manifestou o presidente Bruno López.
A máscara
Esta máscara foi sometida a estudos de rendemento deportivo a diferentes intensidades (baixa, media e alta), sen amosar diferenzas substanciais nos índices de saturación de parcial de osíxeno ou de frecuencia cardíaca. O xefe dos servizos médicos e vicepresidente da Federación Galega de Balonmán, Fernando Mosquera seguiu de preto os avances e certificacións deste modelo. A máscara da FGBm ten una filtración bacteriana superior ao 90% e un índice de respirabilidade do 13Pa/cm2.
Con respecto ao seu uso, ten unha vida útil recomendada de 20 lavados (con deterxente normal a un máximo de 60 grados, na lavadora), aínda que a Federación afondará neste tema e noutros moitos relacionados cun correcto uso da máscara no curso do protocolo FISICOVID-DXT Galego que se celebrará a partires do sábado. Con respecto ao deseño, leva o logo da Federación Galega e o hashtag “Balonmangalego” e haina en diferentes cores. Nas vindeiras semanas sairán novos modelos que permitirán facer unha pequena homenaxe aos clubs e de seguro sorprenderán a moitos e moitas.