As áreas de Turismo e Patrimonio da Deputación da Coruña, en colaboración co Concello de Zas, a Universidade da Coruña, e a Asociación Amigos do Liño, organizan a xornada “Presente e Futuro do Liño” que terá lugar o vindeiro 16 de setembro nos exteriores das Torres do Allo. A través desta xornada preténdese mostrar e valorizar todo o traballo que implica a creación dunha peza de liño artesanal que comprende desde a súa semente ata converterse nunha peza de vestir. E para iso estase a organizar un evento no que se misturan os coñecementos, música, un desfile, unha exposición e unha degustación.
Durante a xornada, que comezará ás 11:00 horas, haberá un desfile con diferentes pezas confecionadas en liño, un concerto ofrecido pola vimiancesa Tania Caamaño e a degustación dalgúns dos pratos típicos das tradicionais comidas da fía como o bacalao, empanadas, troita ou arroz con leite. Toda a xornada estará presentada por Jorge Mira. Xosé Luis Penas, deputado de Contratación e Patrimonio, destacou que todo o traballo que agocha o liño pódese converter nun “eixo de transformación social”. Mentras que Xosé Regueira, Vicepresidente e responsable de Turismo na Deputación da Coruña” destacou o peso que ten a artesanía dentro do turismo sostible”. Así mismo subliñou que é importante recuperar a artesanía dentro do sector da restauración con pezas de liño, encaixe e oleiría. Pola súa banda, o Alcalde de Zas, Manuel Muíño mostrou a súa satisfación por elixir as Torres do Allo para a celebración deste evento e que lle dá a oportunidade de descubrir os exteriores do pazo aos asistentes.
Inscricións
A xornada está aberta a todas aquelas persoas interesadas e para asistir é necesario anotarse previamente no Centro Sociocultural de Baio (981 718 056) ou a través do formulario https://bit.ly/xornadalino