O carballés, Jesús Villar Antelo, é o vicepresidente da Federación Galega Alzheimer de Galicia (Fagal).
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o presidente da Federación de asociacións galegas de familiares de enfermos de alzhéimer (Fagal), César Bugallo Carrera, veñen de renovar o convenio de colaboración para o desenvolvemento dunha serie de actividades de información e apoio aos familiares e coidadores destes doentes. Para levar a cabo estas iniciativas, o Servizo Galego de Saúde destinará un total de 72.771 euros. Noa acto tamén estivo presente o carballés Jesús Villar Antelo, vicepresidente da Federación Galega Alzheimer de Galicia (Fagal).
Entre os obxectivos do convenio están a realización dunhas xornadas internacionais interdisciplinarias así como a formación continuada dos profesionais que traballan ou colaboran coas asociacións, ademais do deseño e desenvolvemento de programas de formación e coidados das persoas coidadoras.
Tamén se contemplan no documento asinado tarefas de sensibilización social, información, orientación e asesoramento a familiares e persoas coidadoras; o deseño e desenvolvemento conxunto de programas psicoeducativos; e a difusión de cuestións relacionadas coa atención e o coidado das persoas que padecen unha demencia e as que as coidan.
Apoio multidisciplinar
O avellentamento da poboación, implica un aumento dos problemas dexenerativos, e entre eles, está a enfermidade de alzhéimer.
Estas persoas con frecuencia viven coa súa familia, tendo moitas veces que resolver problemas que entrañan unha gran dificultade. Isto xenera situacións de inquietude para os familiares, que necesitan dun apoio multidisciplinar.
No ámbito da Comunidade galega, o modelo de atención na saúde mental dá prioridade á atención e á integración social da persoa enferma, debéndose levar a cabo programas de achegamento á poboación xeral, e en especial, de non discriminación deste colectivo.
Tanto a Consellería de Sanidade como Fagal consideran de particular importancia establecer accións conxuntas para mellorar a calidade de vida destas persoas e dos seus familiares no seu domicilio, promovendo a divulgación da enfermidade e dando a coñecer a importancia real que ten o alzhéimer.
Sinalar que a Fagal é unha entidade que leva a cabo actividades de axuda e apoio aos familiares de enfermos do alzhéimer, tendo como un dos seus fins a formación das persoas coidadoras principais e a divulgación e sensibilización da poboación sobre esta enfermidade.