Varios representantes da Xunta participan na asemblea xeral da Comisión do Arco Atlántico (CAA), unha rede de cooperación que defende perante a UE os intereses de 14 rexións de Irlanda, Reino Unido, Francia, Portugal e España. Entre os debates mantidos, destaca o referido á política europea de transporte, na que a comunidade demanda “un mellor apoio ao transporte ferroviario e aos portos de todos os tamaños para poder acadar os obxectivos do Pacto Verde Europeo”.
Jesús Gamallo amosou nesta sesión a satisfacción galega porque a conexión ferroviaria de alta velocidade entre Oporto e Vigo estea recollida dentro da rede básica na proposta de revisión da Rede Transeuropea de Transporte (RTE-T), o que significa poñer prazo á execución do tramo na parte española (2030) e na parte portuguesa (2040).
O director xeral de Relacións Exteriores advertiu de que “tanto nesta conexión como no tramo de Corredor Atlántico que discorre por Galicia, e que se refire á mellora da rede para impulsar o transporte ferroviario de mercadorías, o ritmo de investimentos debería acelerarse para poder cumprir cos prazos e os altos estándares de calidade que esixe a RTE-T”. Estes investimentos supoñen melloras moi necesarias polo carácter periférico de Galicia e, en consecuencia, moi dependente das redes de transporte para poder acceder aos mercados do centro de Europa.
Tamén planteou a posibilidade de que a Rede Básica ampliada (a executar en 2040) inclúa tamén aos portos, de forma que se acelera a conectividade de portos como o de Vigo.
Na declaración política adoptada, as rexións atlánticas destacan que a conca marítima do Atlántico é un activo importante para a prosperidade de Europa, polo que “liberar o potencial dunha economía azul sustentable en cada rexión é esencial para mitigar o cambio climático”. Con este obxectivo, mañá dedicarase unha sesión á cooperación entre rexións neste eido no que a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas, realizará unha presentación sobre os instrumentos financeiros que agora mesmo existen para potenciar a economía ligada ao mar, a innovación neste eido e garantir ao mesmo tempo o crecemento e a sustentabililidade das zonas costeiras.
