Preto de 130.000 persoas acoden a ver a Cabalgata de Reis da Coruña


Preto de 130.000 coruñeses e coruñesas acudiron a ver este domingo a Cabalgata dos Reis, que saiu do miradoiro dos Castros e percorreu a avenida de Oza, Ramón y Cajal, avenida do Exército, Linares Rivas, praza de Mina, Cantón pequeno e grande e A Mariña para finalizar en María Pita, onde os magos de Oriente lanzaron unha mensaxe garimosa a todos os e as nenas que estaban alí congregados/as. Melchor pediu á cativada moito respecto polas persoas maiores -pais, nais, avós e avoas- e dixo estaren moi sorprendidos pola cantidade de xente que veu a velos.

Pola súa parte, a alcaldesa, Inés Rey, tamén lles dedicou unhas palabras nas que primeiro agradeceu a visita ás súas Maxestades e falou de que esta era unha das noites máis preciosas e máxicas que se dan na cidade nunha fin de festa que rematou en chocolatada para os preto de 400 rapaces e rapazas que participaron na carreira xunto aos 150 artistas de 11 compañías, que encheron a cidade da maxia do Nadal a golpe de acrobacias e zancos, de cabalos de luz e efectos.

No percorrido repartíronse máis de 6 toneladas de caramelos desde as 13 carrozas, catro trens -un deles solidario, formado por cativas e cativos da unidade de diabetes do CHUAC e da Rede Municipal de Acollida- e un bus da TVG, ademais dos doces que lanzaron as firmas patrocinadoras.

Por outra parte, 35 monitoras/es e 50 persoas auxiliares estiveron pendentes de que todo transcorrera con normalidade nunha xornada en que traballaron 132 profesionais dos corpos da Policía Local, Bombeiros, Protección Civil e Cruz Vermella.