Preto de 150 participantes no Encontro Lusófono no IES Alfredo Brañas de Carballo

1 minutes read

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no primeiro Encontro Lusófono promovido desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega e os departamentos de Lingua galega e literatura, así como de Xeografía e Historia, do Instituto IES Alfredo Brañas de Carballo coa colaboración da Xunta de Galicia. O obxectivo desta xornada, na que participaron preto de 150 estudantes de 3º da ESO e 1º de Bacharelato, é incidir nas vantaxes que para a lingua galega ten o portugués, así como poñer en valor a orixe común e proximidade lingüística, social e cultural dos idiomas falados ás dúas beiras do Miño.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades quixo agradecer, en primeiro lugar, “o traballo realizado por todo o profesorado do instituto, que xa foi pioneiro no seu momento neste campo incluíndose entre os centros dependentes de Educación que ofrecen portugués como lingua estranxeira en todos os niveis de secundaria e de bacharelato”.

Respecto ao encontro, Valentín García sinalou que pode servir “de modelo para que outros centros galegos o incorporen no seu currículo didáctico, amosando de modo lúdico e didáctico o instrumento tan poderoso que é a lingua galega no mundo lusófono, que conta con 260 millóns de falantes”.