Preto de 422.000 euros na mellora de infraestruturas en Outes

Foto.- G.M.

O Concello de Outes vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado os anuncios de licitación de seis obras que serán financiadas polo Plan Único (POS+2019) da Deputación da Coruña no municipio.

As obras, que suman un investimento de 421.833 euros, achegados ao 100% polo ente provincial, contribuirán a renovar numerosas infraestruturas municipais e inclúen a pavimentación de numerosos núcleos, camiños, pistas e estradas municipais. O prazo de presentación de ofertas remata o vindeiro 4 de xuño.

Polo seu importe (136.848,77 euros) destaca o proxecto de humanización da rúa da Capela, unha das principais do núcleo urbano da Serra de Outes, onde está a Casa Consistorial, a Casa da Cultura ou o Centro de Saúde.

As obras teñen por obxecto a mellora funcional dun tramo de 130 metros da rúa dende o entronque coa coa estrada provincial DP 3404 para dotala dun carril de 3 metros, banda de aparcamento de 2 metros con dúas prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida e beirarrúas de tres metros en ambas as dúas marxes. Tamén se contempla a dotación de novas redes de saneamento e abastecemento de auga, así como a instalación de novo mobiliario urbano, coma bancos e papeleiras.

Tamén se levarán a cabo obras de mellora no paseo de Ponte Nafonso onde se desmontará a varanda actual, nunha situación de deterioro importante, para ser substituída por outra nova de madeira, con ancoraxe metálica ao pavimento e cunha extensión de 629,5 metros. Tamén se instalarán no paseo novos bancos de madeira con estrutura de fundición.

O Plan Único permitirá tamén a pavimentación e mellora de 18 estradas e camiños municipais en distintas parroquias do municipio coma o camiño da fonte en Lestaio (Valadares) a estrada municipal a Loureiro (Cando), o acceso a Buiste, á Carballeira de Lucas e Nave do Cruceiro (San Ourente), o camiño da Costa da Mina (Outes), a pavimentación de diversos viais en Tarás ou a mellora da sinalización nos accesos á praia de Broña.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha