Preto de 45.000 persoas da provincia da Coruña xa descargaron o Bono Activa Comercio

Foto: Moncho Fuentes / AGN

O director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Manuel Heredia, visitou varios dos 48 establecementos adheridos á iniciativa do Bono Activa Comercio no concello de Arteixo, onde xa son máis de 1300 os usuarios desta campaña. Polo que respecta á provincia da Coruña, ata o momento, un total de 44.627 persoas descargáronse o bono para mercar nalgúns dos 1910 locais que se uniron a este proxecto de dinamización do comercio de proximidade do Goberno galego.

Durante o seu percorrido por algúns dos comercios arteixáns adheridos a este proxecto, Heredia destacou a gran acollida que está a ter a campaña e recordou que aqueles comercios que estean interesados en adherirse poden facelo aínda ata o 31 de maio a través da web bonosactivacomercio.gal.

Así mesmo, os clientes que aínda non conten co seu bono poden rexistrarse na mesma web e descargar os vales descontos por valor de 30 euros a través dunha aplicación móbil. O importe de cada bono irase consumindo en función do valor da compra: as que sexan iguais ou superiores a 30 euros terán un desconto de 5 euros, mentres que as compras iguais ou superiores a 50 euros lles corresponde un desconto de 10 euros.

Os Bonos Activa Comercio forman parte do Plan de medidas específicas de apoio ao comercio galego que conta con axudas para incentivar o consumo e apoiar a modernización do sector a través da dixitalización e o comercio en liña. Así, este programa de bonos desconto conta cun orzamento de 10M€ cos que se pretenden mobilizar 55 millóns no sector e chegar a 330.000 clientes en toda Galicia.