Dende a posta en marcha do Programa galego de detección precoz do cancro colorrectal, no ano 2013, participaron nel un total de 449.672 persoas. A iniciativa está dirixida a homes e mulleres de 50 a 69 anos e o seu obxectivo é detectar precozmente esta enfermidade.
Dende o seu inicio e ata decembro de 2019, enviáronse un total de 1.046.823 invitacións e participaron no programa o 44,39% das persoas invitadas, sete puntos superior en mulleres (47,7%), que en homes (40,8%). Cando se analiza a participación por rolda de cribado obsérvase que aquelas persoas que xa participaron algunha vez volven facelo nun 91,6%.
No período que vai dende o inicio do Programa e ata decembro de 2019 realizáronse colonoscopias a 26.647 persoas. Como resultado das mesmas identificáronse 1.436 cancros invasivos, o 67% dos cales estaban en estadios precoces nos que o seu prognóstico é significativamente mellor ( 49% en estadio uno e 18% en estadio II). Nos cancros colorrectais detectados fora do cribado, tan só o 14% son diagnosticados en estadio I. Ademais dos cancros tamén se identificaron 4.736 persoas con adenomas de alto risco, 6.572 de risco medio e 5.983 de risco baixo.
Compre subliñar que a Consellería de Sanidade completou a cobertura total a toda a poboación obxectivo do Programa galego de detección precoz do cancro colorrectal en 2019, cinco anos antes do que establece a Carteira básica común de servizos do Sistema Nacional de Saúde (SNS). Aínda que por mor da pandemia houbo que aprazar as citas do cribado dende o mes de marzo, en canto se recuperou a actividade en maio o Sergas retomou as citas de precolonoscopias e colonoscopias pendentes.