Preto de 600 galegos teñen dispositivos cardioimplantables conectados a Telea

1 minutes read

Entre os pacientes que se benefician da monitorización por medio de Telea destacan as persoas que contan con dispositivos cardioimplantables, cuxa interconexión coa plataforma do Sergas permite realizar un seguimento automático da súa evolución, ao tempo que se rexistra na historia clínica dos pacientes toda a información. Tras a integración efectuada nos últimos meses, na actualidade xa son 588 os pacientes cardioimplantados, -das áreas sanitarias de Santiago e Lugo-, que están a ser monitorizados, de xeito remoto, por este sistema. Este servizo estenderase de forma inmediata ás áreas sanitarias da Coruña, Ourense e Vigo. Ademais, está previsto que antes de que finalice o ano, tamén se conecten con Telea os cardiodispositivos dos pacientes das áreas sanitarias de Ferrol e Pontevedra. Así o avanzou este mércores o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento de Galicia.