Un total de 669 empregados públicos da Xunta de Galicia participaron este sábado nas probas da segunda fase do proceso de funcionarización voluntaria convocadas pola Administración Autonómica. A estes exames estaban convocados un total de 716 profesionais, co que a participación ascendeu ao 93,4%.
Pola mañá tivo lugar o exercicio para funcionarizar ao persoal laboral fixo dos grupos I, II e III nos subgrupos A1, A2 e C1 de persoal funcionario, e pola tarde realizouse a proba para funcionarizar ao grupo IV no subgrupo C2. Todos os exames se realizaron na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela.
A funcionarización é un proceso de carácter voluntario que habilita ao persoal laboral fixo incluído no ámbito de aplicación do Convenio Colectivo Único do persoal laboral da Xunta que superou un proceso para ter esa condición de persoal laboral fixo, para adquirir a condición de persoal funcionario de carreira a través dun procedemento específico. Este proceso está previsto no Acordo de Concertación Social do Emprego Público de Galicia asinado entre a Xunta e os sindicatos CC.OO. e UXT no ano 2019.
Este procedemento non ten por obxecto o acceso á Administración nin o ascenso de escala ou categoría, senón a transformación voluntaria en funcionarios dos traballadores que xa teñen unha praza fixa na Administración como persoal laboral fixo.
A finalidade deste procedemento é unificar o réxime xurídico aplicable ao persoal que presta servizos na Xunta e cumprir o principio xeral de que os postos de traballo nas administracións públicas deben ser desempeñados por persoal funcionario.
