Clases sen Fume é un concurso educativo para a prevención do tabaquismo, e está dirixido a escolares de 1º e 2º da ESO, é dicir, de 12 a 14 anos, a idade na que se dan os primeiros contactos con tabaco. Ao longo de seis meses, os estudantes e o seu titor traballaron en distintas actividades para coñecer, por eles mesmos, os beneficios que conleva non iniciarse no consumo do tabaco. Nesta edición participaron 1.600 escolares de 78 aulas, procedentes de 34 centros diferentes de toda Galicia, preto de 75.000 dende que comezou a súa posta en marcha no ano 2002.
O obxectivo principal do programa é evitar o inicio do consumo de tabaco na adolescencia e coñecer os riscos para a saúde do tabaquismo pasivo. Ademais, potenciar a autoeficacia e habilidades dos escolares para manterse como non fumadores, reforzando á vez as accións preventivas sobre o tabaquismo realizadas previamente na aula.
Os gañadores dos premios poderán desfrutar de programas multiaventuras de cinco días no complexo xuvenil de Gandarío; e unha xornada no Aquapark de Cerceda, así como material de recordo do programa (bolsas e mochilas) como recompensa ao esforzo realizado. Para os premios, contouse coa colaboración do Concello de Cerceda e de Monbús.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou no acto de entrega dos premios de Clases sen Fume 2021-2022.