- Carballo, Vimianzo, Fisterra e Santa Comba completarán as 18 localidades galegas participantes.
Un total 885 escolares de educación infantil de 18 concellos galegos terán a oportunidade de trasladarlle en directo as súas peticións de Nadal a Papá Noel grazas ao sistema de videoconferencias das aulas CeMIT, distribuídas por todas as comarcas de Galicia. Un ano máis á rede conectará aos máis pequenos con Laponia entre o 9 e o 18 de decembro.
O Colexio Sagrado Corazón de Celanova será o primeiro en participar nesta iniciativa, que botará a andar o vindeiro ás 10:00 horas. Cada conexión terá unha duración aproximada de media hora e desenvolverase nas aulas CeMIT dos concellos implicados.
Un percorrido por toda Galicia
Entre o 9 e o 18 de decembro, está previsto que se conecten con Laponia as aulas CeMIT de Abegondo, O Barco, Barreiros, Betanzos, Boborás, Boiro, A Cañiza, Carballo, Castrelo de Miño, Celanova, Fisterra, A Fonsagrada, Ortigueira, Santa Comba, Valga, O Vicedo, Vilagarcía e Vimianzo, completando así as 18 localidades participantes. En total realizaranse 33 sesións que permitirán a 885 nenos e nenas vivir este encontro virtual.
Esta actividade, que celebra xa a súa décimo oitava edición e conta cunha ampla acollida por parte da comunidade educativa, ten como obxectivo facilitar o contacto directo entre Papá Noel e os máis pequenos, que poden conversar con el poucos días antes da Noiteboa e compartir as súas ilusións e desexos.
Ademais do alumnado de infantil, tamén se unirán a esta experiencia usuarios adultos con discapacidade intelectual do Centro Ocupacional Aspromor de Ortigueira e do Centro de Educación Especial Lenda Educativa de Carballo, que igualmente poderán trasladarlle a Papá Noel os seus agasallos desexados.
Con iniciativas como esta, a rede CeMIT da Xunta de Galicia busca consolidar estes espazos multimedia como puntos de encontro nos municipios, á vez que amosa o potencial das súas tecnoloxías de comunicación e promove o seu uso entre a cidadanía.
Sobre a Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), impulsada pola Amtega en colaboración con 93 concellos, está formada por 94 centros repartidos en 52 comarcas. A súa misión é fomentar a alfabetización dixital, reducir a fenda tecnolóxica, impulsar a capacitación profesional en competencias dixitais e achegar ás pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
Na actualidade, a rede supera os 100.000 usuarios rexistrados, dos cales o 59,77% son mulleres. Desde 2011 impartiu preto de 500.000 horas de formación e conta cunha comunidade de máis de 980 “aliados dixitais” entre empresas, entidades e persoas voluntarias. A listaxe completa das aulas CeMIT pode consultarse en: http://cemit.xunta.es/centros