A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) continúa falando de dereitos durante a campaña 12 Chaves da Inclusión, campaña que iniciou este 2020 co gallo da conmemoración do 30 Aniversario. Un destes dereitos é a autonomía persoal, á que se lle dedica o mes de febreiro, e para referirse a ela, COGAMI quere salientar o servizo de Asistencia Persoal, unha prestación que se lle concede ás persoas en situación de dependencia.
Este recurso, que COGAMI iniciou a xestionar en 2007, permítelle ás persoas beneficiarias poder acadar maior independencia e autonomía na toma de decisións. Para poder ser unha persoa usuaria de Asistencia Persoal é necesario cumprir cuns requisitos como son que a persoa teña recoñecida a situación de dependencia en calquera dos seus graos e tamén, ten que estar capacitada para ordenar e supervisar as actividades do servizo. Unha vez cumpridos estes requisitos, é necesario solicitar este servizo ao persoal técnico de valoración da dependencia, organismo que valorará se se pode iniciar esta prestación.
Funcionamento do servizo da Asistencia Persoal
A Asistencia Persoal é un servizo de apoio humano que contrata unha persoa que ten necesidades de apoio para desenvolver tarefas da vida diaria. O servizo nace, por tanto, para fomentar a vida independente, promovendo e potenciando a autonomía da persoa beneficiaria. É a propia persoa con discapacidade a que controla este servizo, polo que é ela mesma a que decide como planealo, quen quere que o preste, de que maneira e tamén será a que dea as instrucións para dirixir ás persoas que prestan este servizo, que son os asistentes persoais.
É, polo tanto, a persoa que ten necesidades de apoio a que ten o control absoluto de todos os aspectos que competen á execución do servizo, encargada de darlle as directrices necesarias ao asistente persoal.
Persoas usuarias do servizo
Arestora son 95 as persoas que están recibindo este servizo de asistencia persoal, 46 mulleres e 49 homes, con idades comprendidas entre os 18 e os 65 anos. Por provincias, na de A Coruña son 47 persoas as que reciben esta prestación, en Lugo son 14, en Ourense 3 e en Pontevedra son 31.