Un total de 1.800 escolares de 88 aulas, procedentes de 28 centros diferentes de toda Galicia, participaron na XVII edición do programa educativo “Clases sen Fume”. Trátase dunha iniciativa que organiza a Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, en colaboración coa Consellería de Educación.
Este concurso educativo para a prevención do tabaquismo, está dirixido a escolares de 1º e 2º da ESO, é dicir, de 12 a 14 anos, idade na que se dan os primeiros contactos con tabaco. Ao longo de seis meses, os estudantes e o seu titor traballaron en distintas actividades para coñecer, por eles mesmos, os beneficios que conleva non iniciarse no consumo do tabaco. O obxectivo principal do programa é evitar o inicio do consumo de tabaco na adolescencia ou, no seu defecto, atrasalo e coñecer os riscos para a saúde do tabaquismo pasivo. Ademais potenciar a autoeficacia e habilidades dos escolares para manterse como non fumadores, reforzando á vez as accións preventivas sobre o tabaquismo realizadas previamente na aula.
Os gañadores dos premios poderán desfrutar de programas multiaventuras de 5 días no complexo xuvenil de Gandarío, no caso dos tres primeiros premios; tarxetas de acceso a contidos de ocio para o segundo premio e unha xornada no Aquapark de Cerceda para os accesits. Para os premios contouse coa colaboración do Concello de Cerceda, Monbús e a Cooperativa CLUN.