Previstas melloras en vías de Torás, Caión e Soandres


O Concello da Laracha ten en fase de contratación tres proxectos de mellora da rede viaria municipal que suman un investimento total duns 262.000 euros. Unha vez finalizada a fase de presentación de ofertas, nos próximos días procederase á apertura das plicas e á valoración das propostas como trámites administrativos previos á adxudicación, ás que optan un total de 47 empresas.

O proxecto ao que concorren un maior número de licitadores (dezasete) é a mellora da estrada nas rúas Arxentina, Bos Aires e Santiago, todas elas no núcleo urbano da Laracha. Ademais da renovación do pavimento en toda a calzada, incluíndo as zonas de estacionamento de vehículos, tamén se contempla o repintado da sinalización e das marcas viarias.

Ao procedemento de contratación do proxecto de mellora de estradas rurais nas parroquias de Caión, Torás e Soandres concorreron dezaseis empresas. Contémplanse tres intervencións para renovar o pavimento nos núcleos de A Pedreira (Caión), A Gándara (Torás) e Santa Baia (Soandres).

O outro proxecto estará centrado exclusivamente na mellora da sinalización horizontal e vertical. Catorce empresas aspiran a resultar adxudicatarias da actuación, que consiste na substitución de sinais verticais e no pintado de 84.437 metros lineais de marca branca (continua e discontinua), douscentos metros de marcas lineais amarelas ou azuis, trinta e un símbolos (stop, ceda o paso, etc.) e dezaoito pasos para peóns.