“Primavera no Camiño” en Pontedeume


Por terceiro ano consecutivo, Pontedeume volveu reunir aos dezaoito concellos polos que discorre este itinerario xacobeo nun gran evento que este ano se celebrou na praza da Alameda da localidade eumesa co obxectivo de promocionar os múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos desta ruta que conecta os portos de Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela.

Na inauguración do acto, o presidente en funcións da Deputación, Valentín González Fomoso, acompañado polo rexedor eumés e deputado provincial, Bernardo Fernández, o deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, e numerosos alcaldes e concelleiros destes dezoito municipios coruñeses, proclamou a Pontedeume como “epicentro por un día dunha ruta xacobea que funde as súas raíces históricas na Idade Media e que, a través dos séculos, contribuíu a forxar a identidade única dos nosos concellos”.

Formoso subliñou “o simbolismo” dun acto “que pon de manifesto o esforzo conxunto que concellos e Deputación estamos a facer dende hai tempo para impulsar o Camiño Inglés e desenvolver un tipo de turismo sustentable, que axude a dinamizar as economías locais. Porque o Camiño é patrimonio, cultura, paisaxe,…pero é tamén economía para os concellos da nosa provincia”, afirmou.

O presidente provincial manifestou a súa satifacción polo espectacular incremento do número de peregrinos do Camiño Inglés nos últimos anos, que o sitúan como a ruta xacobea que máis medra e que “nos indica que, aínda que queda moito por facer, estamos traballando na boa dirección”.