Primavera Xove chegou a Carballo de man da Xunta

O programa Primavera Xove da Xunta de Galicia celebrou este venres unha nova xornada nos Espazos Xove de Carballo, Vilagarcía e Tui. A directora xeral de Xuventude Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu á feira celebrada no centro do concello carballés, onde tivo lugar unha mesa redonda para falar sobre o comercio en tempos da covid-19.

Cristina Pichel destacou durante a súa visita a importancia deste tipo de actividades, que remataron e que levaron aos diferentes Espazos Xove de Galicia unha feira de ocio educativo para a mocidade da súa contorna todos os venres de maio. Neste senso, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado puntualizou que estas iniciativas son unha oportunidade única para garantir que a xuventude poida ter un ocio seguro ao tempo que segue desfrutando de foros formativos e espazos de entretemento.

O Espazo Xove de Carballo acolleu, así, durante a xornada deste venres diferentes actividades, a primeira sobre customización de roupa, onde se fixeron estampacións de camisolas, un obradoiro de acuarela, unha actividade sobre expresión comunicativa para mellorar as habilidades de comunicación oral, e unha audición musical da man do alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Carballo. Como remate das xornadas levouse a cabo un obradoiro de emprendemento musical.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha