Primeira Liga da Regueifa de Carballo | O Concello dá un paso máis na súa promoción

1 minutes read

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Carballo dá un paso máis na promoción da regueifa entre a sociedade carballesa e bergantiñá. Ademais de impulsar a Escola de Regueifa, que está a piques de celebrar o seu primeiro ano de vida e que conta cada vez con máis alumnado de todas as idades, agora, a través do Servizo de Normalización Lingüística, convídate a participar na I Liga da Regueifa de Carballo.

A Liga da Regueifa consistirá nunha competición por parellas, que se formarán ao chou, nun sorteo entre todas as persoas inscritas. Os terreos de xogo serán os establecementos de hostalaría que se sumen á actividade como colaboradores, e que ao longo do mes de maio, todos os sábados, a partir das 20.00 horas, acollerán as distintas eliminatorias.

Ademais de pasar un bo momento, para os gañadores e/ou as gañadoras haberá dous agasallos que non poden faltar nunha regueifa tradicional: pan de ovo nas disputas parciais e, por suposto, unha boneca para a persoa gañadora.

para participar podes inscribirte ou, se o precisas, pedir máis información a través do enderezo electrónico snl@carballo.gal