Primeira xuntanza do BNG de Carballo despois do estado de alarma

1 minutes read
  • O deputado Daniel Pérez visitará esta semana o IES Monte Neme

O grupo municipal do BNG de Carballo celebrou esta semana a súa primeira xuntanza despois do estado de alarma, unha sesión que a agrupación realizaba cada mes e que se viu interrompida en marzo pola Covid-19.

Ademais dos membros do goberno municipal, na xuntanza, celebrada no Fórum Carballo, tamén estivo presente o deputado Daniel Pérez, que deu conta de varias iniciativas impulsadas polo BNG no Parlamento de Galiza (e rexeitadas polo PP, que ten maioría na cámara), como a gratuidade das máscaras para o alumnado ou o financiamento dos gastos extraordinarios que están afrontando os centros e os concellos. Pérez continuará esta semana visitando varios centros educativos do municipio, como o IES Monte Neme.

Por outra banda, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, informou na reunión sobre o desenvolvemento da actividade institucional e a actualidade local, marcada polo incendio da sede da asociación antidroga Vieiro e a cesión dun edificio alternativo por parte do Concello.

Tamén houbo espazo para novas de alcance estatal, como a recente decisión do Goberno do Estado de desbloquear o uso dos remanentes por parte dos concellos.