Primeiro fracaso da moción de censura en Ponteceso: a secretaría municipal non a dá por válida

2 minutes read
  • O rexedor, Lois García Carballido, pide que «os asinantes desistan no seu intento de suplantar a vontade dos electores expresada nas urnas»

A moción de censura presentada este luns pola oposición no Concello de Ponteceso contra o alcalde socialista, Lois García Carballido, non saíu adiante. Presentada á primeira hora da mañá por Raquel Fondo Pérez, Miguel Ángel González Gómez, Faustino Santiago Lema, Ana Pérez Imia e Salvador Eiroa Ameijenda por parte do grupo dos non adscritos (5); Jesús Daniel García Cotelo e Marta María Carrillo Aguiar desde o PP (2); e José Manuel Pose Verdes e Marco Antonio Varela Vidal por APIN (2), o documento topouse co seu primeiro obstáculo: a secretaría municipal.

A razón de non dar por válida a moción atopámola no artigo 197 da Lei Orgánica 5/1985 do 19 de junio do Réxime Electoral Xeral (LOREG), que di así: «A moción de censura deberá ser proposta, polo menos, pola maioría absoluta do número legal de membros da Corporación (7 de 13, no caso de Ponteceso) e haberá de incluír un candidato á Alcaldía, podendo selo calquera Concelleiro cuxa aceptación expresa conste no escrito de proposición da moción». Se ben como rexedora se presenta Raquel Fondo, do grupo dos non adscritos, o problema é que a LOREG tamén sinala que «No caso de que algún dos propoñentes da moción de censura forme ou formase parte do grupo político municipal ao que pertence o Alcalde cuxa censura se propón, a maioría esixida no parágrafo anterior verase incrementada no mesmo número de concelleiros que se atopen en tales circunstancias». De querer continuar, a oposición deberá acudir á Xustiza.

O alcalde, Lois García Carballido, remitiu pola súa parte un comunicado pedindo «aos e ás asinantes da moción de censura que desistan no seu intento de suplantar a vontade dos electores expresada nas urnas» e que agarden ás vindeiras eleccións. «Ata entón», remarcou o rexedor, «temos que chegar a acordos que favorezan os intereses dos veciños e veciñas de Ponteceso».