O Consello de Ministros aprobou o anteproxecto de Lei de creación da Axencia Estatal de Saúde Pública (AESAP), dando cumprimento á previsión contida na Lei Xeral de Saúde Pública de 2011 e ás medidas recollidas no Ditame da Comisión de Reconstrución Social e Económica do Congreso dos Deputados que se constituíu durante a pandemia do COVID-19.
A ministra de Sanidade, Carolina Darias, recoñeceu que «a experiencia vivida na pandemia marcou sen ningunha dúbida un antes e un despois» e que, por iso, este centro estatal converteuse nunha prioridade para o Goberno e nunha necesidade de país: «Permitiranos estar mellor preparados en termos de anticipación, xestión, coordinación, análise e resposta fronte a ameazas e riscos para a saúde da poboación».
A Axencia, continuou Darias, configúrase como unha institución de excelencia técnica e científica que servirá para reforzar as capacidades do Sistema Nacional de Saúde, «elemento fundamental do benestar no noso país». Así mesmo, será fundamental a súa coordinación coas autoridades sanitarias das comunidades e cidades autónomas, as institucións europeas, organismos internacionais e sociedades científicas e académicas.