Carballo sitúase de novo na vangarda da cultura galega grazas a Primavera enDanza, o programa de danza máis lonxevo da comunidade autónoma, como apuntou o alcalde, Evencio Ferrero, na presentación da 21ª edición. Xunto a el estiveron o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo; o deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e representantes de dúas das cinco compañías que pasarán polo auditorio do Pazo da Cultura entre o 14 e o 29 de abril.
Catro das cinco propostas que integran o cartel deste ano son producións galegas de gran calidade. A Praza do Concello foi o escenario da presentación do festival, cun avance do espectáculo Bionic que ofreceron os bailaríns de Entremans. Armando Martén e Ana Beatriz Pérez pecharán este ano a Primavera enDanza coincidindo, precisamente, co Día Internacional da Danza, o 29 de abril.
Tamén asistiron á presentación Esther Latorre e Hugo Pereira, do Colectivo Glovo, que na súa segunda visita a Carballo ofrecerán o espectáculo Tabú, en coprodución co Centro Coreográfico Galego, para abrir a Primavera enDanza o 14 de abril.
Programa
