Prisión comunicada sen fianza para o detido pola agresión mortal de Carballo

Imaxe da operación policial no momento de producirse o suceso.

Aínda que a defensa solicitou a súa liberdade provisoria á espera do xuízo, argumentando que non había risco de fuga, o Xulgado de Instrución número 1 de Carballo decretou este xoves prisión comunicada sen fianza para Julio César Angulo Rentería, coñecido por Bembe, o mozo de 25 anos, residente en Carballo, relacionado co suceso que derivou na morte de Manuel Gómez Fondo, un veciño da localidade de 54 anos. O investigado por suposto homicidio negouse a declarar ante o Xuíz. Con respecto ao sucedido o pasado martes na rúa Vila de Corcubión tamén se tenta esclarecer se todo comezou despois de que o presunto agresor recibise insultos racistas por parte do falecido. A Bembe o seu círculo máis próximo defendeo como moi boa persoa, pero non así o ámbito policial, aínda que non constaban denuncias previas. No Parlamento de Galicia, os tres grupos parlamentarios con representación, PP, BNG e PSOE expresaron as súas condolencias á familia do falecido, Manuel Gómez Fondo. Pola súa banda o Concello de Carballo, tras ocorrer este tráxico suceso, tamén emitiu un comunicado de repulsa de calquera tipo de violencia.