Prisión permanente revisable para Abuín polo asasinato de Diana Quer

1 minutes read

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, condenou a José Enrique Abuín como autor da morte de Diana Quer á pena de prisión permanente revisable e a dez anos de liberdade vixiada por cometer un delito de asasinato con aleivosía, cometido para ocultar outro delito e subseguinte a un delito contra a liberdade sexual da vítima, coa concorrencia da circunstancia atenuante analóxica de confesión.

Tamén lle impuxo a prohibición de aproximarse aos pais e á irmá da vítima, aos seus domicilios, lugar de traballo ou calquera lugar en que se atopen, a unha distancia inferior a mil metros, así como a prohibición de comunicarse con eles por calquera medio durante a duración da pena e, en todo caso, desde o inicio de cumprimento da mesma e ata que transcorran dez anos desde a conclusión.

Ademais, condenouno, como autor responsable dun delito de detención ilegal e dun delito de agresión sexual, en concurso medial, coa concorrencia da circunstancia atenuante analóxica de confesión, á pena de 4 anos de prisión e a cinco anos liberdade vixiada. A Audiencia tamén lle impuxo o aboamento dunha indemnización de 130.000 euros a cada un dos proxenitores e de 40.000 á irmá da vítima, ademais de impoñerlle as custas do proceso xudicial.