A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a prisión permanente revisable a Jose Luis Abet, o home que asasinou a tiros a súa exmuller e a nai e a irmá desta en setembro de 2019 no municipio de Valga. Os membros do xurado, tal e como consta na sentenza, consideraron probado que as vítimas non tiveron ningunha posibilidade de fuxir nin de defenderse.
En concreto, a Audiencia Provincial impúxolle, polo asasinato da súa exparella, a pena de 24 anos e medio de cárcere; polo asasinato da nai da súa exesposa, 23 anos e medio de prisión; e, polo da súa excuñada, prisión permanente revisable (por ser previamente condenado por dous asasinatos, tal e como establece o artigo 140.2 do Código Penal). A Audiencia tivo en conta, nos tres delitos, a agravante de cometelos por discriminación por razón de xénero e a atenuante de colaboración.
Ademais, como autor de dous delitos de lesións psíquicas sobre os seus fillos, condenouno a nove anos de prisión, e, como autor dun delito de tenza ilícita de armas, a dous anos de cárcere. Tamén lle impuxo a prohibición de residir no termo municipal de Valga durante 32 anos e a privación da patria potestade sobre os seus fillos.