Prisión permanente revisable para o home que asasinou o seu sobriño en Santiago

1 minutes read

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña condenou a prisión permanente revisable ao home que asasinou o seu sobriño de tres anos en Santiago en setembro de 2020.

A maxistrada presidenta indica na sentenza que cando ambos se atopaban na vivenda dos pais do acusado, e tras manifestar o neno o seu desexo de ouriñar, dirixiuse con el a un dos baños da primeira planta, pechando a porta de acceso a esa planta con chave; e a do baño, con pasador.

Unha vez no interior, segundo o apartado de feitos probados da sentenza, “colocouse encima del, inmobilizándoo, tapando o seu nariz e a súa boca cunha man e suxeitándolle o pescozo coa outra, exercendo presión con forza ata provocar a súa morte por asfixia”.

O Tribunal do Xurado, tal e como consta na resolución, concluíu que o menor “non tivo posibilidade de reacción defensiva nin de auxilio por terceiros”, algo que entendeu probado polas declaracións testificais dos seus proxenitores e dun veciño, así como pola acta de inspección levantada pola policía e o informe forense.

O Tribunal do Xurado rexeitou que o condenado, no momento dos feitos, tivese anuladas por completo as súas facultades mentais intelectivas ou volitivas.  

En todo caso, a sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de apelación ante a Sala do Civil e Penal do TSXG.