Proba piloto de reapertura do ocio nocturno, o 12 de xuño


A Xunta realizará unha proba piloto como ensaio previo á reapertura do ocio nocturno cando se dean as circunstancias. Farase o 12 de xuño en dúas discotecas e catro pubs de concellos con niveis de restricións medio-baixos; é dicir, en nivel D. Para entrar nas discotecas será necesario facelo con invitación previa e cunha PCR negativa. En todos eles o uso da máscara será obrigatorio.

A ocupación dos locais non poderá superar o 50% da súa capacidade no interior e o 75% en terrazas e espazos ao aire libre. Deberá garantirse a separación mínima de 1,5 metros entre mesas, así como as distancias interpersoais. Os establecementos que participen na proba deberán pechar as portas á unha da mañá.

Os responsables dos locais deberán declarar e exhibir a ocupación máxima, así como levar un control e un rexistro dos clientes que terán que gardar durante tres meses para poder ser localizados en caso de gromos. Tamén deberán garantir a correcta ventilación empregando aparellos medidores de CO2.

A pilotaxe permitirá obter datos en varios establecementos e o seu estudo facilitará mellorar as medidas para a reactivación do ocio nocturno cando se dean as circunstancias, xa que a finalidade última do plan é protexer a traballadores e clientes reducindo as posibilidades de contaxios.

Así o acordaron o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto co director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, con representantes do sector.