Probado na Coruña o primeiro autobús de hidróxeno renovable de Galicia

1 minutes read

Este vehículo, que se testará nos vindeiros días, incorporouse na liña de transporte metropolitano que une o aeroporto da Coruña co centro da cidade.

Mediante esta iniciativa, que se realiza en coordinación coa concesionaria do servizo, a empresa Alsa, búscase comprobar o comportamento dun autobús propulsado por hidróxeno en operación real, neste caso nun servizo de transporte público metropolitano, así como o das infraestruturas de subministración.

Nesta fase de proba, o vehículo percorrerá uns 200 quilómetros ao día, poderase avaliar o seu rendemento e permitirá empezar a avanzar cara á implantación extensiva desta nova tecnoloxía, chamada a xogar un papel clave na mobilidade sostible do futuro.

O autobús da liña que realiza este servizo de transporte público da Xunta é o modelo Toyota-Caetano H2 City Gold, fabricado pola empresa portuguesa CaetanoBus, e emite cero emisións. Utiliza o hidróxeno como fonte de enerxía e a súa pila de combustible xera electricidade.

Deste xeito, a tecnoloxía do hidróxeno que incorpora este autobús é absolutamente pioneira, incorporando unha pila de combustible alimentada por hidróxeno, que ten destacadas vantaxes ambientais como as cero emisións, xa que o único que emite é vapor de auga.

Este autobús tamén está libre de emisións sonoras, xa que o seu motor eléctrico é completamente silencioso, e ten unha gran autonomía que lle permite operar unha liña de características urbanas ou metropolitanas sen longas paralizacións para recargas, a diferenza dos vehículos eléctricos de baterías.

A subministración realizarase na hidroxenera situada nas instalacións de Alsa en Culleredo, instalada por Carburos Metálicos, compañía que tamén se encargará da subministración do hidróxeno. A concesionaria do servizo ten o compromiso de que todos os autobuses urbanos operados pola empresa serán de cero emisións no ano 2035.