Proceden a abrir a lagoa da Frouxeira en Valdoviño para evitar inundacións


A Xunta procedeu a abrir a canle de desaugadoiro da lagoa da Frouxeira, en Valdoviño, dado que, tras as últimas chuvias, acadou o nivel crítico de auga a partir do cal se producen inundacións que causan danos tanto nos ecosistemas como na seguridade pública.

Actualmente, prodúcense ciclos nos que a canle de comunicación entre a lagoa e o mar permanece pechada e, cando se produce unha suba do nivel de auga, prodúcense inundacións na zona viaria e nas vivendas, seguido dunha rotura brusca da barreira litoral e o baleirado da lagoa. Para evitalo, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural habilita a apertura desta canle artificial temporal que permita desaugar a lagoa.

A lagoa de Valdoviño, un dos humidais protexidos de Galicia, está formada pola lagoa litoral da Frouxeira e por un sistema dunar en moi bo estado de conservación. É un dos lugares de maior diversidade de Galicia, tanto pola presenza de hábitats naturais e seminaturais de especial relevancia, como polo importante número de especies da fauna e flora protexidas.