Este domingo 25 de xuño Carballo acolleu os actos na honra o Santísimo Sacramento, dentro das celebracións deste San Xoán 2023. Autoridades, funcionistas e devotos acompañaron á carroza engalanada coa imaxe do Santísimo nunha procesión na que as flores (e a música, xa desde a misa cantada pola Coral de Bergantiños, sábado e domingo) sempre teñen un protagonismo especial, xa desde que a imaxe sae da igrexa para o seu amplo percorrido circular con parada nos tres altares da Gran Vía, Cervantes e A Braña (Vázquez de Parga con Muíño), cuxa preparación levou ás respectivas familias organizadoras a recoller flores e plantas en diversos lugares. Máis aló de cuestións de fe de cada un, foi un oficio e un acto sempre digno de ver e de seguir. E con máis motivos dos evidentes: «Ao sentir ou estoupido dás bombas de palenque durante a procesión, tamén lembramos a Ucraína e a todos vos pobos onde hai guerra, pedimos a paz para eles e para as familias nas que hai violencia», sinalaba o párroco carballés, José García Gondar.


Na tarde deste domingo a festa tamén tivo protagonismo no Parque do Anllóns coa maxia de Martín Camiña, e ritmo co alumnado de bailes latinos e de salón de Arume de Verdillo.
Fogos de artificio
Os fogos de artificio comezaron ás 00:05 da man da pirotecnia Rocha-Areas e durante uns 15 minutos descargaron luz e colorido nunha noite despexada, pouco fría e cunha notable asistencia de público. As actuacións de Carlangas e La Última Legión pecharon un domingo de San Xoán espectacular.