Proceso selectivo para cubrir 84 prazas de Policía Local en 23 concellos galegos

2 minutes read

Case 850 persoas participaron este luns no recinto feiral de Silleda nas dúas primeiras probas do proceso selectivo para optar a 84 prazas da categoría de Policía Local en 23 concellos galegos. Por unha parte, a proba de avaliación de coñecementos cun cuestionario de 100 preguntas tipo test do temario proposto na convocatoria. Ademais, as persoas non exentas da proba de coñecementos de lingua galega realizaron este segundo exercicio ao remate do primeiro.

Os aspirantes que que acaden as 300 mellores cualificacións na primeira proba, sempre que a superen, e obteñan a cualificación de apto ou estean exentos da realización da segunda proba someteranse ao terceiro exercicio -ás probas físicas- que se levarán a cabo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. Unha vez rematado o proceso, a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) formará aos futuros axentes no curso de formación teórico-práctico obrigatorio que deberán superar despois de poder elixir destino e ser nomeados funcionarios en prácticas polos concellos.

De feito, integrarán a 15ª promoción de Policía Local que comezará a formarse na Academia a partir de febreiro do próximo ano. Actualmente están rematando a súa formación antes de tomar posesión os 70 axentes da 14ª promoción da Academia que cubrirán as vacantes de 29 concellos publicadas na convocatoria anterior do proceso selectivo no marco da colaboración entre a Xunta e os municipios que delegan no Goberno galego a selección e formación dos seus efectivos de Policía Local. Desta 14ª promoción tamén forman parte outros 47 alumnos da promoción tamén formados na AGASP e que corresponden ás oposicións convocadas por outros catro municipios.

Nesta ocasión no novo proceso os 84 aspirantes completarán as plantillas de 23 municipios: A Coruña, Brión, Carballo, Malpica de Bergantiños, Noia, Oroso, Outes, Pontedeume, Sada e Santiago de Compostela, na provincia coruñesa; Burela, e Ribadeo, na provincia de Lugo; e A Guarda, Caldas de Reis, Gondomar, Marín, Moaña, Nigrán, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Sanxenxo e Vigo, na provincia de Pontevedra.